Quen son?
Son Miguel González, tradutor creativo e literario e localizador de videoxogos. Tamén son tradutor xurado e de textos institucionais. Traducín ao galego a Terry Pratchett, Shirley Jackson e William Blake, e localicei videoxogos das sagas Granblue e Civilization ao castelán.
Son licenciado en Tradución e Interpretación (2011) e mestre en Tradución e Paratradución (2012) pola Universidade de Vigo, e MA Interpreting pola London Metropolitan University (2013). Combino a experiencia en múltiplos campos das miñas disciplinas cun aliñamento indiscutíbel cos estándares contemporáneos de calidade, tanto no práctico como no teórico.
Sempre busco a inmersión total nos sistemas culturais das miñas linguas de traballo, o que me permite detectar os matices e connotacións máis sutís nos rexistros e escollas textuais dos orixinais, para logo trasladalos como corresponde.
Vivín, estudei e traballei durante anos en diferentes cidades e territorios do Reino Unido, e teño como resultado unha ampla rede relacional neses países que abrangue todo tipo de contextos. Non me son estraños nin os recitais de poesía nin os procedementos tributarios británicos, e traballei como tradutor e intérprete en hospitais, en contextos de apoio a persoas migrantes e con grandes empresas e universidades.
Como resultado, domino a lingua inglesa nos seus múltiplos rexistros (o literario, o xurídico, o legal, o diplomático…) e podo tomar decisións de tradución certeiras, documentadas e adecuadas ao contexto, libres de erros habituais e non tan habituais.
Na actualidade resido en Noia, nas Rías Baixas, e alén da miña carreira como tradutor tamén fun lingüista computacional, o que me permitiu adquirir habilidades informáticas de todo tipo. Tamén disfruto da música e toco a gaita desde 2015.
Os meus títulos e certificacións
Tradutor e Intérprete Xurado Inglés-Español
Fun habilitado en 2012 polo Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación como Tradutor-Intérprete xurado, o que me permite facer traducións entre o inglés e o castelán que teñen carácter oficial no Estado español.
Licenciado en Tradución e Interpretación
Son orgulloso ex-alumno da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, onde me formei cun profesorado excelente de académicos e profesionais en activo, na combinación Galego/Castelán (A), Inglés (B), Alemán (C). O meu paso pola FFT transformou o meu xeito de ver e entender a comunicación humana.
Estadía Erasmus na Universidade de Bangor
Os montes de Gwynedd son como os nosos, pero nun ton máis escuro de verde. Tamén os nosos pobos son semellantes. O meu ano Erasmus valeume para consolidar competencias lingüísticas e culturais en lingua inglesa e para coñecer o galés, a lingua celta con máis falantes no mundo, da que cursei o nivel elemental. O saber non ocupa lugar, e o saber lingüístico para un tradutor, menos aínda.
Mestrado Universitario en Tradución e Paratradución
Este mestrado de investigación na Universidade de Vigo permitiume estudar a nosa disciplina dende diversas perspectivas teóricas, incluíndo teorías feministas e dos sistemas culturais. A comprensión que acadei sobre os nosos procesos de traballo resúltame valiosísima a día de hoxe, e mobilízoa para avaliar e resolver problemas complexos da práctica da tradución.
MA Interpreting, London Metropolitan University
Mestrado profesional en interpretación cursado en Moorgate, na City de Londres. Alén das melloras técnicas que conseguín na disciplina, adquirín coñecementos culturais e sociais igualmente valiosos, e desenvolvín unha importante investigación entrevistando diferentes intérpretes no eido da Interpretación nos Servizos Públicos. Despois de cursar este mestrado quedei a vivir e traballar no Reino Unido varios anos.
Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo
Título propio da Universidade de Vigo impartido por expertos en activo en localización de videoxogos. Unha formación con énfase nas prácticas, na resolución de problemas reais e no coñecemento das ferramentas e que cobre todas as etapas do proceso de localización dun videoxogo.