Tradución

Buscas unha tradución xurada fiable e eficiente, ou unha tradución comercial que che axude a comunicarte cos teus clientes estranxeiros? Ao mellor buscas traducir un manual técnico ou un artigo académico, que comuniquen moita información pero que precisen un esforzo extra en claridade e lexibilidade. Pode que precises traducir literatura, coa forza que a arte merece, ou pode que esteas buscando levar a túa comunicación institucional a outras culturas.

Pódoche axudar. 

E non só axudar, senón que podo ofrecerche o mellor estilo de tradución para os teus obxectivos. A miña experiencia profesional de anos fai que teña as ferramentas para facelo, e aínda máis, que poida ofrecerche traducións con coñecemento de causa.

Tradución legal e xurada

Son tradutor-intérprete xurado inglés-español dende hai 10 anos e teño experiencia con todo tipo de documentos e textos legais. Teño, ademáis, formación específica no Reino Unido e coñecementos en profundidade de common law e das recomendacións plain english para linguaxe xurídica. Con todo isto, podes estar seguro de que a túa tradución xurada estará en boas mans (e de que, ademais, será lexible).

Tradución comercial e para empresas

Con anos ás costas vivindo no Reino Unido e traballando con multinacionais de fala inglesa, faise preciso dominar o estilo da comunicación de negocios, a súa diplomacia particular, o que hai que dicir e o que non, e, sobre todo, como o hai que dicir. Axudo á túa empresa a comunicarse en inglés con clientes e inversores, e a facelo dun xeito profesional e elegante. Reviso os teus textos para clientes e catálogos e investigo o contexto e os puntos fortes dos teus produtos para destacalos con eficiencia na lingua que precises. Tamén ofrezo interpretación consecutiva e simultánea, en persoa e a distancia.

Tradución literaria

Toda tradución é unha alquimia, na que sempre queda parte do espírito de quen o fai, pero a tradución literaria máis. Blake escribía con corrosivos. Eu escribo co que ti precises.

Non se me ocorre mellor forma de explicarche como fago eu tradución literaria que amosándocho. Na páxina da Asociación de Tradutores Galegos podes ver a miña tradución do Casamento do Ceo e do Inferno (1790-1793) de William Blake, da que estou particularmente orgulloso. Espero que che guste e que poidamos colaborar no futuro.

Tradución científica, técnica e académica

Non teño títulos superiores en bioloxía, pero si que estudei o bacharelato bioquímico. Fíxeno a propósito para adquirir unha boa base nas ciencias consideradas “duras”, e penso que isto ilustra ben a miña actitude cara o coñecemento humano en xeral. Todo o saber é interesante, e o traballo dun tradutor, ademais de dominar as súas linguas, é saber do que está traducindo. Sei o que é o citoplasma e sei o que é un catión dende hai moitos anos. Pode que non coñeza a fondo os detalles do tema do teu artigo (se teño sorte pode que si), pero o importante é que dispoño das ferramentas e da capacidade para documentarme e entendelo, e para producir unha tradución atinada e de calidade.

Ademáis de traducir, teño lido e escrito moitos textos académicos, así que che podo asegurar tamén que a túa tradución se vai adecuar ao estilo que precisa, sexa para un journal, libro, divulgación ou para calquera outro uso.

Solicítame orzamento sen compromiso, e comprométome a responderche o antes posible.

Tradución para a comunicación institucional

Se buscas traducións no contexto institucional, precisas seriedade, elegancia e un estilo impecable. Precisas tamén non fallar no que queres comunicar exactamente. O meu forte sentido da ética profesional faime facer o esforzo extra para que todo estea perfectamente aliñado. 

Non te arrepentirás se me contratas. Solicita xa o teu orzamento sen compromiso.

Tradución de videoxogos

Vivo e respiro videoxogos dende que tiña 8 anos, e dase o caso de que tamén os sei traducir. Na tradución dun videoxogo interveñen unha ampla variedade de tipoloxías de tradución nas que non vou entrar en detalle aquí, chegue con que diga que teño a formación para facelo e unha rede profesional de contactos para formar o equipo que precisas.

Outros ámbitos

Unha das competencias centrais dun tradutor é a capacidade de documentación e adaptación aos contextos. Se o que precisas está fóra dos ámbitos que menciono anteriormente, é máis que benvido. Se acepto o traballo é porque me comprometo a estar á altura. Escríbeme e falamos do que precisas.

Queres saber máis?

Descubre como podo axudarte nas túas necesidades.