They’re gonna hang my Geordie with a golden chain.
It’s not the chain of many.
He stole sixteen of the King’s royal deer
and sold them in Bohenny.
Geordie de Joan Baez
Impiccheranno Geordie con una corda d’oro.
É un privilegio raro.
Rubó sei cervi nel parco del Re
vendendoli per denaro
Geordie de Fabrizio de Andrè
“Geordie” é o nome polo que se coñece a balada (ou conxunto de baladas) que narra(n) a execución (ou non) dun home en particular, e da intercesión pola vida del dunha segunda personaxe, unha dona, amante ou muller do condenado.
As formas máis coñecidas desta peza son as que se citan arriba (as de Joan Baez e Fabrizio de Andrè), e tamén unha terceira: a versión dance realizada por Gabry Ponte a partir do retrouso da de Fabrizio (e só do retrouso), que foi omnipresente nas discotecas deste país a comezos da década dos 2000.
A versión de Fabrizio de Andrè é unha tradución/adaptación da que no seu momento gravou Joan Baez, que popularizou a peza no sur de Europa e especialmente en Italia. Hai outra versión contemporánea, esta en catalán, de Roger Mas e Núria Graham. Pero Geordie, como veremos agora, ten raíces máis antigas.
Tirando do fío, podemos ver que Geordie non nace coa versión de Joan Baez, senón que se trata dunha balada popular (respectamos o termo anglófono ballad, se cadra equiparable ao romance no noso contexto) con traxectoria documentada en Escocia e Inglaterra.
Versións escocesas e versións inglesas
As baladas escocesas recóllense no cancioneiro recopilado por James Child, coñecido popularmente como Child Ballads (que non “baladas infantiles”), cuxo título completo é The English and Scottish Popular Ballads (1882-1898, con publicación final en 1904). Nese traballo recóllense 14 variacións (209A-N) de Geordie.
Tamén existen dúas baladas inglesas impresas (en Londres) en folleto (como era costume na época), e que se titulan respectivamente A lamentable new Ditty, made vpon the death of a worthy Gentleman, named George Stoole (1630) e The Life and Death of George of Oxford (1683).
A primeira diferencia que salta á vista, en comparación coas pezas contemporándeas, é a ambientación. Na versión de Baez, un narrador atopa a muller protagonista en London Bridge e toda a narración ten lugar en Londres:
As I walked out over London bridge
One misty morning, early
I overheard a fair pretty maid
Was lamenting for her Geordie.
(…)
Then I will ride to London’s court
to plead for the life of Geordie.
Esta situación é reflectida na versión de De Andrè (a solución de traducir aquí one misty morning, early por un giorno senza sole parécenos especialmente elegante):
“Mentre attraversavo London Bridge
un giorno senza sole,
vidi una donna piangere d’amore,
piangeva per il suo Geordie”.
As baladas escocesas recollidas, na meirande parte (que non na súa totalidade), sitúan os feitos en Edimburgo, e mencionan lugares como o porto de Leith e o castelo.
An I’ll gae down to Enbro town,
An see my true-love Geordie.
(Child, B)
When she came to the boat of Leith,
I wad she did na tarry;
She gave the boatman a guinea o gold
To boat her oer the ferry.
(Child, I e J)
A primeira das baladas inglesas non menciona o lugar da execución, pero no título aclara que Geordie (Georgie) viviu en Newcastle e en Gateshead Fell (preto de Newcastle). Na segunda, o narrador atopa a dona en London Bridge (aspecto que foi conservado na versión de Baez), pero ela cabalga ata Newcastle, de novo, a implorar por Geordie. As dúas versións inglesas (impresas en Londres, recordemos) ligan a persoa de Geordie (ou Georgie ou Georgy) con Newcastle, o cal nos leva a unha cuestión de tradución que debemos esclarecer.
Geordie é nome propio ou xentilicio?
Geordie parece ser usado de xeito unánime no material orixinal como nome propio. Porén, Geordie é tamén o xentilicio informal das xentes de Newcastle, e o nome da fala propia desa zona. Con respecto á orixe do xentilicio, parece que moitas fontes académicas adiantan a hipótese de que Geordie é un derivado do nome propio George (e daí Georgie, Georgy, Geordy etc). Unha desas fontes, Katie Wales, data os primeiros usos do termo en 1793, data posterior a moito do material que estamos a traballar. Polo tanto, chegamos a dúas conclusións: 1) probabelmente os orixinais sexan nomes propios e 2) sería lexítimo tamén apuntar a esta relación en versións posteriores, por importancia.
Hai outra cuestión que emerxe nas fontes ao falarmos de cronoloxía, e é que parece haber un debate sobre que versións son anteriores e que versións posteriores, se as inglesas ou as escocesas, que son diferentes e non están datadas. Como estamos a falar de música tradicional no caso escocés, os inicios e relacións entre coplas similares pérdense entre a historia e o mito, e carecemos dos coñecementos de historiografía musical precisos para establecermos relacións cronolóxicas.
Por que prenden a Geordie?
Os textos escoceses atribúen a Geordie unha variedade ampla de crimes. As baladas recollidas por Child adoitan comezar por estes versos, ou variacións dos mesmos, que indican que Geordie está acusado de matar un nobre nunha batalla, insinuando ademais que non tivo a culpa (wyte=weight):
There was a battle in the north,
And nobles there was many,
And they hae killd Sir Charlie Hay,
And they laid the wyte on Geordie.
(Child 209A)
Noutro caso, o nobre finado é o cuñado de Geordie (209D). Noutra versión (209E) tamén houbo “unha batalla no norte”, pero un dos bandos estaba composto por rebeldes ao rei, e Geordie era un deles:
And rebels there were many,
And they were a’ brought before the king,
And taken was my Geordie.
A versión F de Child xa se comeza a achegar ao tema relatado nas versións contemporáneas. Geordie roubou quince cabalos castaños do rei, e vendeunos en Bohemia (imaxinamos que nalgún dos lugares británicos chamados así, e non no ducado xermánico). Xusto antes diso, Geordie indica que el non matou a ninguén, cunha fórmula que se repite en moitas versións como atenuante. Geordie non fixo [tal cousa máis grave], só fixo [cousa menos grave]. Xa por exemplo na versión G, Geordie non matou a ninguén, pero roubou tres cabalos castrados*, de novo ao rei, e vendeunos nun lugar chamado Balleny. No texto H, é acusado de cazar os cervos e corzos do rei, sen indicación do seu número.
Na versión inglesa impresa en 1630 vemos a mesma fórmula, pero desta vez son quince cabalos (e o atenuante de non ter roubado vacas nin bois). E, na de 1683, son seis cabalos brancos.
I neuer stole no Oxe nor Cow,
nor never murdered any:
but fifty Horse I did receive
of a merchant’s man of Gory.
Xa nas representacións contemporáneas, Joan Baez fala de dezaseis cervos, e Fabrizio de Andrè, de seis. Se asumimos que Fabrizio só tiña como referencia a versión de Baez, esta escolla de tradución (de 16 a 6) pode entenderse por necesidades do encaixe métrico.
| He stole sixteen of the King’s royal deer | Rubò sei cervi nel parco del re |
Aínda hai outras acusacións nalgunhas das baladas escocesas, como asasinatos ou casos de indecencias sexuais, pero por peso e repetición emerxe como principal o delito de roubo ou caza de cervos ou cabalos.
Hai que indicar sempre neste caso que Geordie non roubou “nin vaca nin boi” ou “nin becerro nin can”, o que é dicir, non roubou bestas de gandería, senón luxos superfluos como cervos do rei. Non fixo dano a ninguén.
Quen foi Geordie?
Quen foi Geordie? Nas versións consultadas mestúranse as caracterizacións (que non son necesariamente antagónicas): por unha banda hai varios textos que indican que Geordie é nobre ou emparentado coa nobreza (ou, no caso de Baez, da realeza). Por outra, son indubidábeis as características de foraxido ou incluso rebelde que parecen acompañar o personaxe. Pero precisamente esta figura de nobre/bandido é un arquetipo mítico moi presente na lírica popular británica, e o primeiro exemplo que vén á cabeza é o de Robin Hood (figura á que tanto contribuíu o Ivanhoe de Walter Scott, que por exemplo o sitúa claramente do lado da rebelión contra a conquista normanda). A figura mítica de Geordie adquire características propias deste arquetipo, e móvese entre esta figura e a dun cazador furtivo.
E como morre, ou non morre, Geordie?
Hai un denominador común en case todas as baladas escocesas, que é que Geordie remata sendo absolto dos seus crimes, normalmente por interpelación da dona, que, previa intervención dalgún nobre da corte, ou do propio rei, recolle doazóns de cabaleiros e nobres presentes, e paga unha suma bastante elevada (cincocentas, cinco mil ou dez mil libras), asegurando así a súa liberación antes de que se produza a execución. Nos folletos ingleses, pola contra, Geordie é executado. No primeiro non se especifica como, pero no segundo comezan xa a aparecer as execucións creativas, e Georgy é aforcado cunha corda de seda:
Georgy was hanged in silken string,
the like was never any.
E, tanto na versión de Baez como na italiana, Geordie é aforcado cunha corda de ouro (ou, mellor dito, vai ser aforcado). Baez especifica que “non é a cadea de moitos” [it’s not the chain of many] porque, segundo aclara despois, é familia do rei. Este verso é traducido da forma icónica que coñecemos agora por De Andrè como é un privilegio raro.
Oh, my Geordie will be hanged in a golden chain.
‘Tis not the chain of many.
He was born of King’s royal breed
and lost to a virtuous lady.
Impiccheranno Geordie con una corda d’oro.
É un privilegio raro.
Rubó sei cervi nel parco del Re
vendendoli per denaro.
Conclusións
Agradecemos que lerades até aquí, nun texto no que facemos un percorrido histórico por unha canción moi querida (polo menos para min) e con múltiples versións, adaptacións e traducións. Agardamos que o estudo deste caso serva para iluminar o tipo de consideracións que os tradutores facemos cando nos enfrentamos a un texto (documentación, intertextualidade, etc).
Para rematar, poderiamos propor unha versión galega, pero a explicación do proceso sería moito máis longa, así que o deixamos para máis adiante.
- Baladas recollidas de Child: https://www.sacred-texts.com/neu/eng/child/ch209.htm
- Versión inglesa datada en 1630: https://quod.lib.umich.edu/e/eebo2/B00762.0001.001/1:1?rgn=div1;view=toc
- Versión inglesa de 1683: https://omeka.cloud.unimelb.edu.au/execution-ballads/items/show/915